HISTORIA DO CONCELLO
O Concello de Vilardevós está situado no sueste da provincia de Ourense, pertence á comarca de Monterrei, partido xudicial de Verín e á diocese ourensá. O seu territorio limita cos término de Castrelo do Val e Riós, polo norte, e co de Verín, polo oeste, mentres que polo sur e polo leste linda con Portugal. A Serra de Penas Libres delimita dúas áreas ben definidas no concello: unha de montaña cara o leste e outra de penichaira cara o oeste. As elevacións máis importantes son Mairos, Salto do Cabalo, Cabezo, Os Cabancos, Fragas, Cabeciña, A Fraga... Pequenos rios verten cara o Mente subsidiario do Rabaçal (Portugal), sendo os principais o de Arzoá (Serra Nova), Regosende, Pedricos, Mouce, Porto... e regatos como Pinal, Santa Maria, Hospital, Quintas, Fontevella...
A sua extensión é de 152,1 quilómetros cadrados, nos que habitan 2.256 censados (2010), distribuídos nas parroquias de Arzádegos (Santa Baia), Berrande (San Bartolomeu), Enxames (San Xoán), Fumaces e A Trepa (Santa María), Moialde (Santa María), Osoño (San Pedro), Santa María de Trasigrexa (Santa María), Soutochao (Santa María), Terroso (Santa Cruz), Vilar de Cervos (San Vicente), Vilardevós (San Miguel) e Vilarello da Cota (Santa María).
- Prev
- Seguinte >>






